Cena gallega (Fernando Alvarez de Sotomayor)
VICENTE ARAGUAS
Ben saben Deus e San Brillat Savarin que nunca andiven polos camiños dos pucheiros, eses nos que segundo Santa Teresa, santiña vagamunda, a que dixo que a vida é unha mala noite nunha mala pousada, tamén estaba Deus. Nunca andiven por eles, o que non quita que distinga o xantar ruín do ben governado. E que as miñas papilas gustativas saiban que a “fast food” non ten que ver cun prato cociñado a lume manso. Que é como preparo eu, nada de ola exprés, unhas lentellas que me saen moi ben. Ou certo bacallau ao forno, con receita que aprendín na Costa da Caparica. (Luis Torres Foira xuraba en Cas Patinha que lle ofereceran moi bos percebes en Portugal, e retrousaba eu se non sería que alguén lle preguntara: “percebes?”, e foi o xurista do Empedrón e trabucou crustáceos con entendementos, non sei).
Digo isto a conto do libro “Arte gastrónomico”, que editado pola SAF está a piques de saír á rúa. Un volume con máis de cen receitas a cárrego de xente coñecida de todos nós. Escritores, políticos, cantantes, restauradores, de procedencia ferrolá, coa inclusión de alguns foráneos, mais vencellados á cidade, que nos van explicar polo miúdo como se prepara este ou aquel piperete. No libro eu fixen unha pequena aportación en verso, “Galletas Alicia”. Receita versificada coas pautas festeiras de San Picadillo. O libro, infórmame o amigo Carlos Barcón, terá presentación pública no Parador. Estaremos atentos á xogada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario